30/11/12


Lelo, lelo. Pero lelo, leliño, disque voltei a casa aquel meu primeiro día de escola. E ao interrogatorio da miña nai, seica daba respostas rotundas e tan convencidas que facían rir.


- E dis que é máis guapa cá túa curmá Mila? (Hei de aclarar que a miña curmá, loira e moderna porque estaba a estudar en Santiago e que me levaba polo menos quince anos, era para min o canon ideal da beleza feminina naqueles tempos).
- É, si, máis guapa ca Mila.
- E que Mamá? -dicía meu pai contendo a risa- É máis guapa que Mamá?
- Oouh! Moitísimo máis.


E todos escachaban a rir, coma se tivese contado un chiste, un daqueles nos que ían un inglés, un francés e un español, e este era sempre o máis listo dos tres. E eu non debía de comprender nada daquelas gargalladas, porque estaba a falar moi serio e o asunto non me parecía ningunha broma.

- É guapísima, Mamá, e que ben ole...


Iso si que o lembro. Aquel arrecendo a lavanda e a herba fresca e chuchamel, que te invadía cando ías corrixir o copiado ao seu carón. Demorabas todo o tempo posible naquela gloria, ata que te espertaba o cheiro a bosta dos zapatóns dalgún compañeiro que xa arrempuxaba naquela impaciente fila da mesa da mestra.

- Quen o ía dicir, a primeira mestra, o primeiro amor. Estámosche aviados, Carmiña, este neno vai ser un donjuan.


Naquela escoliña dos anos nos que o home soñaba coa viaxe inminente á lúa, o recreo era unha horta cun limoeiro, baixo o que xogabamos a Tarzán e, nas tardes de chuvia, a mestra repartía coloridos tacos de madeira para facermos torres e palacios, ou, se pasabas a revisión das mans limpas, as bólas dunha plastilina de cor incerta que viña nunha caixa de cartón.


Un día chegou o desengano. Por ter estado a xogar coa terra no recreo, entrei coas mans lixadas e a mestra negoume a plastilina. Debín comprender naquel intre que o contrario do amor non é o odio, senón o desprezo, e odiei e amei a un tempo á miña mestra.


O home chegou por fin á lúa aquel verán, e descubriu que o astro tiña dúas caras. O rostro amable e luminoso que durante milenios estivo a ver desde a terra, volvíase árido, desolado, irrespirable unha vez alcanzado. Eu tamén baixei da lúa naquel ano de 1969.


Paco Lojo. Mestre de 3º B.

No hay comentarios:

Publicar un comentario